No mercado laboral, unha importante porcentaxe de persoas ocupadas ou desempregadas posúen anos de experiencia no desenvolvemento
da súa profesión pero sen embargo non ostentan titulación oficial ningunha. Así mesmo, estas persoas cada ano cursan ensinanzas que poden
ser susceptibles de obter unha acreditación oficial.
Para emendar esta situación, dende as administracións laborais competentes definíronse os certificados de profesionalidade, para
as distintas familias profesionais, buscando que aquelas persoas que non teñen ningunha acreditación das competencias que posúen, adquiridas
a través da formación non oficial ou a experiencia obtida no posto de traballo, poidan acreditar o que saben e obter unha titulación oficial que
os/as capacite para o desenvolvemento dunha actividade laboral, certificando unha cualificación profesional do Catálogo Nacional de
Cualificaciones Profesionales.
Estes certificados teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades do mercado de traballo, baseadas na competitividade, empregabilidade e
a inserción laboral, facilitando a libre circulación dos/as traballadores/as a nivel nacional e comunitario.
Dentro da familia profesional de Industrias Alimentarias atópase o certificado de Operacións auxiliares de mantemento e transporte
interno na industria alimentaria, que engloba unha serie de unidades formativas que permiten obter o certificado aos/ás profesionais
que o soliciten.
Esta plataforma nace como soporte online para a impartición dos contidos formativos de telefomación asociados ao certificado
de Operacións auxiliares de mantemento e transporte interno na industria alimentaria para a modalidade de impartición mixta
(online-presencial).
Esta ferramenta e os contidos formativos dispostos nela forman parte da acción complementaria de apoio e de acompañamento á formación,
convocatoria 2009, denominada “Elaboración das guías e materiais didácticos que vai utilizar o profesorado e o alumnado na
impartición da formación do certificado de profesionalidade de Operacións auxiliares de mantemento e transporte interno na industria
alimentaria”, proxecto elaborado por ANFACO-CECOPESCA, en colaboración con IDEARA SL, e cofinanciado pola
Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo.
A expedición deste certificado corresponde á administración laboral competente da Comunidade Autónoma de Galicia, obtense, por unha parte,
superando todos os módulos formativos que integran o certificado de profesionalidade e, por outra, mediante os procedementos para a avaliación
e acreditación das competencias profesionais adquiridas mediante:
· Experiencia laboral
· Accións de formación profesional para o emprego (formación ocupacional e/ou continua)
· Outras vías non formais de formación